Genocídio na Terra Santa. Testemunho de mais de 40 anos de reportagens no Médio Oriente é o último libro de José Goulão, que a editora Página a Página acaba de publica. A obra presentarase en Galiza da man da Fundación Galiza Sempre e en colaboración coas librarías Cartabón, Pedreira e Suévia, así como do espazo Portas Ártabras, a próxima semana.
José Goulão dedicou media vida a retratar a situación no Medio Oriente a través da súa profesión de xornalista, especialmente o exterminio e limpeza étnica de Palestina. Esta realidade percorre toda a narrativa e experiencia de Goulão durante unha infinidade de viaxes ao Medio Oriente, o que o converte posíbelmente no xornalista portugués que mellor coñece Gaza, Cisxordania, Xerusalén Leste e a súa historia.
Genocídio na Terra Santa é un relato vivido e rigoroso sobre un dos maiores crimes contra a humanidade cometidos durante os últimos 100 anos. O libro é un documentario histórico no que se percibe, da primeira á última páxina, que a realidade actual en Gaza, e tamén na Cisxordania e en Xerusalén Leste, é un obxectivo buscado desde sempre por Israel, os seus aliados, como os Estados Unidos e coa complicidade da Unión Europea.
Os actos terán lugar en Vigo (Libraría Cartabón), Compostela (Libraría Pedreira) e A Coruña (Portas Ártabras) os días 19, 20 e 21 de novembro respectivamente. O libro xa está á venda nas propias librarías.


