Co gallo do Día de Rosalía, a Fundación Galiza Sempre editou a tradución ao galego do Manifesto Lieders, publicado en 1858 no xornal El Miño e considerado o primeiros manifesto feminista publicado en Galiza e un dos primeiros en Europa.
Alén de traducións elaboradas para iniciativas ou actividades concretas no ámbito feminista e educativo, e malia ao valor literario e político do manifesto, até o momento non existía unha publicación que recollese a tradución á nosa lingua. Unha anomalía que contrasta coa tradución ao inglés realizada polo Consello da Cultura Galega, da man da catedrática e estudosa da figura de Rosalía de Castro, Kathleen N. March.
A publicación, en formato facsímile, inclúe o texto dixitalizado e recollido na obra completa da autora publicada pola Fundación Rosalía de Castro en 1996. Conta ademáis cun limiar da doutora e investigadora María Pilar G. Negro, e a tradución profesional de Iria Taibo. Con esta modesta publicación, a Fundación Galiza Sempre quere poñer en valor esta peza ensaística en formato literario, servindo como homenaxe á nosa poeta nacional, pero especialmente como ferramenta de difusión do amplo legado que nos deixou, e que como nacionalistas temos a obriga de continuar espallando.
O vindeiro martes 25 de marzo terá lugar a súa presentación no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa de Santo André, 36 1º) ás 19:00. No acto contaremos coas intervencións da súa tradutora, Iria Taibo e a autora do limiar, María Pilar García Negro.
