Saltar ao contido

Presentación do libro ”Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita”

Neste ano 2025, cúmprense 50 anos do asasinato pola policía franquista, na cidade de Ferrol, o 12 de agosto de 1975, do militante e dirixente nacionalista da Unión do Povo Galego, Xosé Ramón Reboiras Noia (Moncho Reboiras). Co gallo deste aniversario, o xoves 22 de maio terá lugar a presentación do libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita no Museo do Pobo Galego ás 19 horas.

Este libro forma parte dun conxunto de actividades impulsadas pola Fundación Moncho Reboiras, Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo, conxuntamente co Comité de Honra, co obxecto de homenaxear, dar a coñecer e popularizar na sociedade galega, nomeadamente entre as clases populares, a figura deste demócrata e nacionalista galego, vítima da represión da ditadura franquista, que deu a vida pola defensa da liberdade, da democracia, dos intereses da clase da clase traballadora galega e dos dereitos nacionais de Galiza. Unha vida, unha militancia, un asasinato que, 50 anos despois, fican baixo un manto de silencio tecido pola historia oficial.

A continuación da biografía que se presenta neste volume sobre Xosé Ramón, Moncho, Reboiras Noia, todos os textos que aparecen neste libro son obra de persoas que compartiron con el militancia e ideario nacionalista, no fin da ditadura franquista, e que forman parte do Comité de Honra constituído para o efecto e en honor de Reboiras.