O caderno Política enerxética. Unha visión galega editado pola fundación do BNG, preséntase este luns 29 ás 19:00 na Asociación de Veciños de Perlío.
A FGS editou este ano o caderno da súa colección Ideas Impresas, Política enerxética. Unha visión galega. Trátase dunha colección de cadernos monográficos analíticos de diversas temáticas de actualidade. Desta volta, o último número está dedicado ao estudo da política enerxética en Galiza e no Estado español. O informe está elaborado polo Colectivo Bidán, grupo de estudo formado por Francisco da Silva, Fernando Branco e o recentemente finado, Manuel Cabarcos. Na presentación, alén de Da Silva e Branco, estará a alcaldesa de Fene, Sandra Permui.
Os autores recollen nesta obra 50 artigos que nos últimos 5 anos publicaron en distintas revistas e xornais de Galiza. Este compendio de artigos está baseado en razoamentos e análises rigorosas, con contrastes legais e datos verídicos fóra e dentro de Galiza para facer unha radiografía do sistema eléctrico desde unha perspectiva en chave galega. O caderno será entragado de balde ás persoas que asistan á presentación.
A Fundación Galiza Sempre está nestes momentos inmersa nas presentacións tanto deste caderno como do último da colección, Antimilitarismo na Galiza. Con este con xa once os números editados nesta colección, os cales se suman a outros títulos como Galiza coa chave dos seus cartos, arredor do modelo de financimento galego ou o Ferrocarril en Galiza, un estudo de análise sobre a situación actual do sistema ferroviario galego e as perspectivas de futuro. Con estas publicacións, a entidade pretende achegar análises e estudos fundamentais para argumentar propostas serias sobre cuestións a debate.


