Saltar ao contido

Presentación do caderno 170 anos do Banquete de Conxo


A Fundación Galiza Sempre e a Agrupación Cultural O Galo presentan o vindeiro luns 2 de marzo o caderno 170 anos do Banquete de Conxo no mesmo barrio no que se celebrou o acto hai 170 anos.

Este ano cúmprense 170 anos do Banquete Democrático de Conxo, e a FGS en colaboración coa A.C O Galo decidiron dedicar un novo número da colección Efemérides de Galiza a este acontecemento de fonda carga simbólica. O caderno está elaborado por Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) durante case dúas décadas e do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A na actualidade, quen ofrece un rigoroso percorrido polo contexto histórico e a significación política deste importante episodio da nosa historia.

O Banquete Democrático de Conxo foi un acto consciente de rebeldía contra a orde económica e social estabelecida. Tivo unha enorme carga política, unha clara compoñente antimonárquica, republicana e crítica co capitalismo liberal. Constituíu tamén un importante xesto simbólico á vista de toda a sociedade, no cal a posta en escena, a poesía e as intervencións políticas en forma de brinde e discursos estaba trufados por ideas de xustiza social, progreso e liberdade. En definitiva, representou unha afirmación da fraternidade democrática e da significación do traballo e das clases populares, así como a reivindicación dunha sociedade nova capaz de superar as barreiras sociais herdadas e o papel subordinado de Galiza no Estado español.

Por iso, este luns, as entidades organizadores lembraremos nun acto que se celebrará no CSC Aurelio Aguirre de Conxo ás 20 horas, unha das efemérides contemporáneas máis importantes da historia de Galiza e da propia cidade de Compostela. No acto contaremos coa alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín e o autor do caderno, Xoán Costa. A presidenta da A.C O Galo, María Antonia Pérez, presentará e moderará o acto. As persoas asistentes serán agasalladas cun exemplar da publicación.