Saltar ao contido

Inaugúrase a exposición ‘A semente de vencer’: 14 artistas homenaxean Moncho Reboiras no 50 aniversario do seu asasinato

O martes 6 de maio inaugurouse a mostra A semente de vencer. 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras pola ditadura franquista, unha exposición na que un grupo de artistas homenaxean e recrean a figura de Moncho Reboiras en busca dunha memoria que necesariamente, debe proxectarse cara ao futuro.  

Promovida polo comité organizador dos actos conmemorativos do 50 aniversario do seu asasinato, do cal forma parte a Fundación Galiza Sempre, a mostra de arte pretende renderlle homenaxe a súa loita e legado, alén de recadar fondos para un monumento na súa memoria.

As artistas que participan na mostra son Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) e Estudo Aldea. O resultado do proxecto é unha exposición moi ecléctica, tanto no enfoque de cada unha das persoas artistas como na elección dos medios para expresarse, polo que están presentes técnicas moi diversas: cerámica, ilustración dixital, téxtil… así o trasladou durante a inauguración a comisaria da mostra, Vanesa Iglesias.

A mostra poderá visitarse até o 30 de maio no C.S.C Maruxa e Coralia de luns a venres en horario de mañá (9h-14h) e de tarde (17h-20h). Na seguinte ligazón podes consultar o catálogo da exposición.