A través dun monográfico coral que recolle os artigos das deputadas do Parlamento galego, Montse Prado e Noa Presas, así como dos economistas, Xosé Díaz e Joám J. Romero analiza o actual sistema de financiamento e o seu inxusto e arbitrario reparto, que non ten en conta as características específicas do noso País. Paralelamente, presenta a alternativa dun modelo de concerto económico para Galiza máis xusto, simple, transparente, e que garantiría a prestación duns servizos públicos de calidade.
Esta é unha proposta que vén defendendo o nacionalismo galego desde Alfredo Brañas, as Irmandades da Fala, ou o propio Partido Galeguista, con Alexandre Bóveda á cabeza. Proposta retomada e actualizada polo nacionalismo contemporáneo, a través dun dos autores do caderno, Xosé Díaz. Este 2025 é o ano Castelao e a mellor homenaxe que lle podemos render é defender o que o galeguismo plasmou no Estatuto do 36, abortado polo golpe fascista.