Saltar ao contido

Dous días de actos para lembrar a figura de Moncho Reboiras

A Comisión Organizadora para lembrar a figura de Moncho Reboiras, da cal fai parte a Fundación Galiza Sempre chama a participar dos actos que se celebrarán entre os días 11 e 12 de agosto para lembrar a súa figura, coincidindo cos 51 anos do seu asasinato a mans da policía franquista.

As actividades arrancarán o luns 11 de agosto en Fene coa inauguración, ás 13.00 horas, dun monólito dedicado á súa memoria no Paseo Marítimo de San Valentín. No acto participarán o presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo; o presidente da Fundación Terra e Tempo, Francisco Rodríguez; e a alcaldesa de Fene, Sandra Permui.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, Compostela acollerá unha homenaxe pública na Carreira do Conde. O acto contará coa intervención do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, da profesora de Historia xubilada Encarna Otero, do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e da concelleira de Cultura, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago, Míriam Louzao.

O programa continuará o martes 12 de agosto en Dodro. Ás 12.00 horas celebrarase unha ofrenda floral no cemiterio de Imo e, unha hora máis tarde, na Eira da Lavandeira, terá lugar o acto institucional no que a familia de Reboiras recibirá o título de Fillo Predilecto do Concello de Dodro, un recoñecemento aprobado polo consistorio para destacar a súa traxectoria e legado.

A morte de Reboitas converteuno nun símbolo da loita polas liberdades democráticas, os dereitos da clase traballadora e a defensa da nación galega. Estes actos pretenden manter viva a súa memoria e reivindicar a súa figura nun momento no que non cesan ataques e intentos de desprestixio contra o seu legado.