Co gallo do Día de Rosalía, a Fundación Galiza Sempre edita e publica a tradución ao galego do Manifesto Lieders, publicado en 1858 no xornal El Miño e considerado o primeiros manifesto feminista publicado en Galiza e un dos primeiros en Europa.
Alén de traducións elaboradas para iniciativas ou actividades concretas no ámbito feminista e educativo, e malia ao valor literario e político do manifesto, até o momento non existía unha publicación que recollese a tradución á nosa lingua. Unha anomalía que contrasta coa tradución ao inglés realizada polo Consello da Cultura Galega, da man da catedrática e estudosa da figura de Rosalía de Castro, Kathleen N. March.
A publicación, en formato facsímile, inclúe o texto dixitalizado e recollido na obra completa da autora publicada pola Fundación Rosalía de Castro en 1996. Conta ademáis cun limiar da doutora e investigadora María Pilar G. Negro, e a tradución profesional de Iria Taibo. Con esta modesta publicación, a Fundación Galiza Sempre quere poñer en valor esta peza ensaística en formato literario, servindo como homenaxe á nosa poeta nacional, pero especialmente como ferramenta de difusión do amplo legado que nos deixou, e que como nacionalistas temos a obriga de continuar espallando.
O manifesto Lieders, un falso plural, como ben indica a profesora García Negro, pois lieder xa é o plural de lied en alemán, é unha das obras máis trasgresoras do momento pola súa arenga á igualdade, á independencia e á liberdade das mulleres. Ás portas do 8 de Marzo, é importante lembrar o pensamento e obra de Rosalía, o cal se identifíca claramente coas mulleres das clases populares, especialmente as labregas.
Mais o corpus literario de Rosalía non só destaca polo seu carácter feminista, tamén pola clara defensa da nosa lingua e da nosa cultura, reclamando un trato xusto para Galiza. Rosalía escribía desde a a súa condición de muller e de galega, por iso era de xustiza que a fin este manifesto se recollese formalmente en galego.
A Fundación Galiza Sempre aproveitará a manifestación deste domingo 23 de febreiro, convocada por Queremos Galego, para a cal fai un chamamento a asistir, para facer un reparto masivo entre as e os asistentes da publicación. Alén da difusión do 23 de Febreiro, Día de Rosalía, a publicación será presentada en Ferrol o 6 de marzo ás 19:30 no Antigo Hospicio e na Coruña o 25 de marzo ás 19:00 na A.C Alexandre Bóveda. Ámbolos dous actos contarán coa profesora García Negro, intervindo no caso de Ferrol a secretaria da FGS, Lucía Veciño, e na Coruña, a tradutora Iria Taibo.


