O 6 de decembro 1931 nacía na cidade de Pontevedra o Partido Galeguista. Este feito marcou, claramente, un punto de inflexión na historia do nacionalismo galego.
O Partido Galeguista non xurdía da nada. Cimentábase sobre unha sólida base: o programa político emanado da Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 e a experiencia organizativa das Irmandades da Fala nas que moitos dos dirixentes do Partido Galeguista xa foran cadros políticos. Non foi un nacemento sinxelo. Foi o final dunha longa travesía no deserto e un parto nun contexto no que, politicamente o máis “sinxelo” tería sido a plena integración do galeguismo político nas estruturas partidarias da esquerda española en Galiza. Aquela xeración de homes e mulleres non optou pola vía fácil. Optou pola vía galega.

