O 7 de xaneiro de 1950 finaba Alfonso Daniel Castelao en Bos Aires. Desde a Fundación Galiza Sempre, non podíamos deixar pasar este 75º aniversario da súa morte no exilio sen deseñar toda unha serie de actuacións a desenvolver ao longo deste 2025 para poñer en valor a súa obra e acción política. A publicación que estás a ler atópase entre elas.
Este novo número da nosa colección Grandes Efemérides (e van dezanove), dedicado á figura de Daniel Castelao, facémolo da man de Xoán Carlos Garrido, unha das persoas que máis ten estudado o pensamento político do de Rianxo, con múltiples artigos e libros tan imprescindíbeis como O pensamento de Castelao.