Saltar ao contido

50 anos do asasinato de Moncho Reboiras


Neste ano 2025, cúmprense 50 anos do asasinato do militante e dirixente nacionalista da Unión do Povo Galego (UPG), Xosé Ramón Reboiras Noia (Moncho Reboiras), a man da policía franquista, un 12 de agosto de 1975 en Ferrol. Por ese motivo, a Fundación Galiza Sempre decidiu colaborar coa Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra Tempo e cun Comité de Honra formado por camaradas e amigos de Reboiras, na constitución dunha Comisión Organizadora dos actos con motivo de tan importante efeméride. Ao longo do ano deseñamos e realizamos conxuntamente con estas fundacións diferentes actividades que teñen por obxecto contribuír a socializar e poñer en valor a figura e legado político de Moncho Reboiras. Porén, alén da participación nese importante traballo colectivo, non podíamos deixar pasar esta data sen dedicar á figura de Reboiras un novo número da colección Grandes Efemérides editada pola Fundación Galiza Sempre.


Facémolo da man de Lois Ríos, camarada de Reboiras, e que xunto a Elvira Souto estaba con el no piso clandestino do barrio de Canido de Ferrol na noite na que foi asasinado.
Ríos fainos unha valiosa achega persoal da figura de Reboiras e do papel que xogou naqueles anos decisivos para a configuración do xermolo do que é o movemento nacionalista galego contemporáneo.