Neste novo número (e van xa catorce) da colección Grandes Efemérides, editada pola Fundación Galiza Sempre, queremos aproveitar o 50 aniversario do nacemento de Estudantes Revolucionarios Galegos para lembrar e pór en valor a importancia que ERGA tivo na construción da arquitectura de autoorganización do pobo galego, así como o seu papel como organización de masas no ámbito estudantil e escola de cadros para o conxunto do movemento nacionalista na Galiza.
Duarte Correa, membro da dirección de ERGA nos seus últimos anos de existencia e un dos fundadores do movemento xuvenil creado posteriormente, é o encargado de realizar nas seguintes páxinas un detallado repaso ás diferentes etapas que atravesou a organización ao longo dos seus case dezaseis anos de existencia.