En setembro de 2022 o Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebra o corenta aniversario da súa fundación. Nestes catro decenios converteuse no principal referente do nacionalismo galego, acadando as cotas máis altas en canto a relevancia social, electoral e institucional da historia do nacionalismo na Galiza. O “fenómeno” político-organizativo que representa o BNG ten o seu acto fundacional na Asemblea que se desenvolve os días 25 e 26 de setembro de 1982 no frontón de Riazor, na Coruña, culminando o proceso de conformación dunha “Frente Ampla de Unidade Nacionalista”, un proceso impulsado pola Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) en que participan partidos políticos, colectivos e nacionalistas sen adscrición partidaria.
40 anos da fundación do BNG
