Saltar ao contido

1846 – Revolución Galega

O filme documental sobre a Revolución Galega de 1846, producido pola Fundación Galiza Sempre leva un mes recorrendo as vilas e cidades de Galiza. Após a estrea en Compostela, o 26 de abril co gallo do 180 aniversario do fusilamento dos Mártires de Carral, o audiovisual xa foi estreado en Ferrol, Ourense, Pontevedra e A Guarda. Desde a FGS destacamos a boa acollida do público e o interese que está xerando a nivel social.

1846 – Revolución Galega, é o resultado de anos de traballo de investigación do profesor de lingua e literatura galega de Moraña, César Caramês, para recuperar do ostracismo un dos episodios máis importantes da historia contemporánea de Galiza. A Fundación Galiza Sempre xa ten traballado nos últimos anos co obxectivo de desterrar do esquecemento esta parte tan importante da nosa historia. Fixoo en 2021, coa publicación do primeiro monográfico dentro da colección Efemérides da Galiza, co gallo do 175 aniversario dos Mártires de Carral, autoría do finado Xusto Beramendi. Un ano despois, editou a segunda co gallo do 200 aniversario da morte de Antolín Faraldo da man de Henrique del Río. E agora, aproveitando o 180 aniversario, publicou unha dedicada específicamente á Revolución Galega, da autoría de Caramês.

Desde a Fundación Galiza Sempre consideramos que todo o traballo que se faga nesta dirección sempre será pouco. Por iso, ademais deste documentario e da publicación da colección de Efemérides da Galiza, impulsamos, xunto á editora Tempo Galiza, unha edición facsimilar completa do xornal El Porvenir, publicado por primeira vez na súa integridade.

O feito de que este documental vira a luz, responde a que somos conscientes de que a Revolución Galega é practicamente descoñecida para a maioría do noso pobo. Ocultala como un pronunciamento liberal español máis, con certa dose folclórica galeguista, impide a comprensión da propia realidade presente. Calquera achegamento á literatura galega do século XIX ou á historiografía de Galiza vírase forzosamente incompleto sen abranguer un evento tan transcendental para a xeración que o protagonizou. Rosalía, Murguía ou Pondal preséntanse inexplicábeis se descoñecemos o substrato do que abrollan. Porén, a narrativa oficial, alicerzada nunha obra de 1977 con pretensión ‘desmitificadora’, agocha ou mingua a combatividade e a anticipación daquel movemento. Mesmo murcha as súas repercusións e conexións populares e internacionais. Redúceo a unha anécdota rexional no discurso nacional español sen dubidar en silenciar as mesmas fontes históricas.

A dixitalización das fontes, a súa democratización, permite cuestionar ese relato histórico e completar eses retallos da nosa historia para entender que a aparición de Galiza como suxeito nacional moderno desde a acción político-militar, racha coa concepción colonial, sentimentalista, do nacemento como fenómeno literario. Non existiría idea de Galiza como nación, mesmo galeguismo ou autogoberno presente sen aquel soberanismo revolucionario inicial. A revisión da Revolución Galega convértese así en fulcral para o entendemento da nosa historia recente e de nós mesmas como colectividade actuante sobre o noso destino a partir de precedentes claros.

A xeira de proxeccións continúa:

  • Xoves 28 de maio, en Nigrán
  • Venres 29 de maio, en Viveiro
  • Sábado 30 de maio, en Outeiro de Rei
  • Martes 2 de xuño, en Carballo
  • Martes 30 de xuño, na Coruña
  • Sábado 18 de xullo, en Betanzos