O 7, 8 e 9 de novembro de 1919, os delegados das diversas agrupacións das Irmandades da Fala presentes na II Asemblea Nacionalista, que tivo lugar en Santiago de Compostela, acordaron declarar o 25 de xullo como Día da Patria Galega. A xornada, que se celebrou por primeira vez en 1920, irá cobrando folgos en sucesivas convocatorias até converterse nunha data de referencia da vida social e política da Galiza.
A II Asemblea Nacionalista, convocada co obxectivo de concretar a posición da organización respecto da súa participación nos vindeiros procesos electorais, decorreu por uns vieiros diferentes aos definidos previamente. Se, nas semanas anteriores á celebración, a afiliación da Irmandade da Fala da Coruña, a máis proclive á participación nos comicios locais e xerais, daba por feito unha resolución nese sentido das persoas asistentes, os delegados presentes, por razóns aínda hoxe non ben coñecidas, excluíron este asunto dos seus debates.
O plenario, celebrado no primeiro fin de semana de novembro de 1919 no inmóbel que actualmente ocupa o instituto compostelán Rosalía de Castro, estivo presidido por unha mesa de que facían parte Antón Vilar Ponte, Manuel Banet Fontenla, Tomas Rodríguez Sabio e Xesús Culebras. A cuestión relixiosa e a posición sobre a forma de goberno ocuparon boa parte das discusións, resumíndose as conclusións do debate nunha táboa de trinta e oito medidas, nun relatorio sobre a cuestión foral e nunha declaración onde reafirmaban a vixencia do manifesto acordado un ano antes en Lugo.